Para realizarmos unha pequena historia da narrativa galega que sirva de marco á obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, debemos comezar lembrando que, despois de tres séculos de colonización española, a lingua que creara as delicadas cantigas de amigo ficara, no noroeste peninsular, reducida a unha linguaxe doméstica e ágrafa, sobre a que, sen acceso aos textos medievais, os escritores do século XIX tiveron que recrear unha lingua literaria que demostrase a existencia dunha nación diferenciada e, por tanto, con dereito a ser tratada como tal no conxunto do Estado español. Esta función identitaria da literatura galega conforma unha das súas características fundamentais e, até fins do século XX, camiñou unida aos movementos ideolóxicos e políticos que tiñan como obxectivo a defensa dos intereses galegos: Provincialismo (1840-1885), Rexionalismo (1886-1915) e Nacionalismo (a partir de 1916). Só irá perdendo este carácter despois de desaparecida a Ditadura do Xeneral Franco, coa aprobación do Estatuto de Autonomía e o recoñecemento do galego como lingua cooficial (1982).
Baixe o arquivo no formato PDF aqui.